O PP E O VERTEDEIRO, OU COMO NADAR E GARDAR A ROUPA.

VAIA CO PARTIDO POPULAR… Despois dun ano e medio acaban de posicionarse abertamente no tema do Vertedeiro. Xa eran horas, non?

LA REGIÓN.- ‘o PP está en contra do parque do lixo de Carballeda de Avia’.   No comunicado falan de que realmente se tratará dun basureiro, de que dubidan de que se faga o desvío da A-52  (aínda teñen dúbidas diso???) e da falta de transparencia en xeral e no tema  dos lodos en particular.

Por outro lado, en LA VOZ, reflíctese case idéntica a noticia, ademais aparece a expresión “mentiras e deficiencias”, pero curiosamente apuntan esto: esta formación “dejó claro, sin embargo, que «estaría a favor de calquera proxecto que xere emprego e riqueza para a zona pero en contra dun parque de lixo, como o que pretende facer a Xunta de Galicia, que prexudica gravemente o turismo e os viñedos da zona».”

En resumidas contas. Falaron tarde e non transmiten no seu comunicado a alarma e preocupación que o tema merece. Limítanse a denunciar algúns aspectos moi evidentes como a ocultación, o feito de que se tratará dun basureiro, o da ambigüidade no tema dos lodos, a non existencia do desvío da A-52… pero, moi oportunamente, deixan caer que “estarían a favor de calquera proxecto que xenere emprego…”

Son incorrexibles estes tipos. É automático: cada vez que escoitan “empresa”  fanse pipí por encima… Sexa cal sexa a empresa, o caso é que esa palabra ten para eles un carisma fora de toda sospeita. Non entendedes? A que ven dicir, no medio dun rexeitamento formal (e con moito retraso) desta auténtica aberración, que se abren a outras posibilidades cando estamos a falar dun proxecto que tratará lixo? Eles desprezan un parque do “lixo”, término que todos asociamos a residuo urbano doméstico, pero que dirían se non fose “lixo”, senón residuos industriais?

Acaso non están insinuando que se no canto dun descomunal vertedeiro fose “unicamente” un enorme grupo de empresas que tratan lixo industrial sería bo e o aceptarían? Eu véxoo claro. Vamos, que están dicindo coa boca pequena que é unha salvaxada pero que a industrialización masiva deste tipo podería resultar aceptable sempre que a burrada non sexa tan evidente e inclúa actividades ”guarras” coma o lixo urbano (o propio dos “basureiros”)

Opino que a declaración só serve para “desgastar” ao Psoe e ao Bng pola súa culposa ocultación de datos, ocultación que debería ter feito reacciona ao partido da oposición hai moitos, moitos meses. Porque agora xa todos sabemos, incluso os ineptos ecoloxistas locais, que iso será un basureiro descontrolado e moito máis. Agora non ten mérito pronunciarse dese xeito tan previsible e sen sustancia. En suma: reprócholles que a estas alturas xa deberían ter montado boa campaña informativa e fiscalizadora sobre o goberno bicorne no canto de limitarse a facer unhas preguntas no Congreso instadas por cidadáns concretos, non por eles.

Non me consola en absoluto o que di agora o PP; de feito, con esa mera manifestación non me sinto defendido por un partido que nunca tivo interés en perder os catro votos dos mataos que están dispostos a aceptar cancro como animal de compañía, por defender a natureza e a saúde colectiva . Sen embargo, aínda que non sirvan de nada ao Ribeiro con esta panocha declaración pública, apetéceme facerlles unha idea-regalo: o da foto. Espero que lles sirva para seguir nadando e gardando a roupa sen mollarse.

 

 

 

 

Escribe un comentario