Todos coñecemos xa o “inxente” volume de traballo que pesa sobre os esmerados membros da Oficina Municipal de Información Xuvenil. Que vos vou contar que non saibades: cursos de capoeira, activismo sociocultureta dende unha silla de oficina, concertos de jazz-fusión na Madalena, os dous ou tres de sempre chupando viaxes gratis a Malta e, cada tanto tempo, un cursiño sobre intercambio de fluídos sexuais coa xuventude feminina sueca… que por suposto acabará recaendo sobre algún dos merodeadores do concello. Europa constrúese así, din eles…
Eu diso xa non me escandalizo, teño visto cousas peores. Co que flipo é que ademais de vivir dunha actividade virtual teñan a desfachatez de exhibir publicamente un vídeo onde pretenden dar a coñecer un momento de “febril” actividade da oficina. E para iso non se lles ocorre mellor cousa que amosar a uns rapaces finxindo clarisimamente que traballan… Un calculado ruído de oficina, unha forzada conversa telefónica, tres ou catro administrativos que aparentan unha obsesiva atención na pantalla…
Pero como poden crer que traguemos que teñen traballo se o único que teñen que facer en todo o ano é organizar dous cursiños de indubidable inutilidade social, e proporcionar unha mermadísima oferta de actividades totalmente desligadas da xuventude do noso entorno? Cren que poden xustificar con patochadas coma esta os seus salarios?
Menos mal que Europa paga unha parte importante da paiasada, porque eu non sei se esta Comarca é deprimida, agora, do que si estou seguro é de que vos hai un elevado número de personaxes deprimentes…