Se viaxades por Xordania e Siria permítome o atrevimento de aconsellarvos que non busquedes alí eses tan cacareados perigos que propagan os nosos medios, nin vos esmeredes en detectar mostras de retraso cultural ao comparalos connosco. Dirixir as nosas sospeitas cara aos demonizados países do deserto pode evitar que desfrutemos da súa harmoniosa e obstinada forma de vida, que desenvolven con gran independencia nos seus secos territorios. Ese sesgado punto de vista podería evitar, ademais, que non nos deamos de conta de como medra outro deserto bastante máis perigoso: o deserto moral e ideolóxico que está a quitarlle a alma a occidente, por máis que se disfrace de tecnoloxía e de prosperidade material.
Esta foi unha viaxe moi gratificante da que me apetece comentar algunhas cousas.
XORDANIA, O OCCIDENTE ORIENTAL
AMMÁN, ONDE O CAPITAL XA FUMA EN PIPA DE AUGA.- Amman, a capital xordana, ten moitas bandeiras. O ambiente aparenta moi patriotico e os militares armados circulan por todos os sitios; seica teñen moito medo aos atentados porque hai quen non leva moi ben iso de que a cultura árabe estea a perder pé nesta terra, que xa coquetea abertamente co modo de vida occidental. A pipa de auga e o pano na cabeza gardan aínda reminiscencias dun mundo tranquilo, sen moitos recursos e sen demasiadas aspiracións que se vai acabando pouco e pouco …
UNHA VIDA CON XEITO.- Pero ollo, iso non quere dicir que toda unha cultura e unha forma de entender o mundo vaian ir ao carallo en catro días. Así o demostra a calmosa estampa desta perruquería. Un empregado ocioso agarda a que o seu colega acabe de afeitar a un cliente tras masaxealo trillándolle a pel con dúas cordiñas como de atar chourizos entrecruzadas. Todo con calma, con moita calma. Cando lle pedimoso aos protagonistas poder inmortalizar tan peculiar composición, os xordanos, coa súa proverbial amabilidade, seguiron a súa tarefa pousando cunha parsimonia tipicamente oriental. Que prisa tiñan?
TESOUROS NO MAR VERMELLO. Na zona onde está Aqaba, un enclave turístico xordano do Mar Vermello, onde se pode desfrutar dun abundante coral, tamén conflúen Arabia, Exipto e un inquedante Israel. O tesouro que garda ese mar foi complementado coa cálida compaña que nos regalaron “Aj-med” (sonaba así) e o seu irmán maior, que nos achegaron en barca a ver un pouquiño desa marabilla natural. Os cumplidores hospedes tiveron o detalle de achegarnos do fondo mariño unha mostra deses sólidos e misteriosos seres vivos para que os tocasemos. Nas dúas horas entendémonos por señas e catro palabras en inglés, pero non paramos de sorrir, de preguntar… e de desfrutar do privilexiado entorno, ao que reintegramos as delicadas mostras do tesouro tras admiralas con ese aprezo que se lle da ao que está a punto de perderse no medio da crecente contaminación…
JERASH, O PETRÓLEO CULTURAL.- A cidade das mil columnas é un conxunto de restos extensísimo e prodixiosamente conservado. Os pavimentos romanos están intactos e nas vías principais non sería difícil reconstruír templos e tabernas con total verosimilitude. Por certo, espero que non o fagan, porque estes tíos son capaces… Dígoo porque os xordanos xa sitúan o turismo na 4ª posición como xenerador de riqueza. Non me estraña: a imaxinación non resulta necesaria ao visitar lugares como Jerash.
E antes de rematar con Jerash, comento que no magnífico teatro desa antiga cidade un gaiteiro estaba a tocar unhas pezas con estilo abondo; ata me lembraron vagamente a Galiza… Sen embargo, que apareza a estrela da bandeira xordana no medio dun logotipo azul non ten explicación lóxica salvo que se trate dun espellismo no deserto. Ou ao mellor é que estou obsesionándome…
PETRA, O NOSO CALVARIO NABATEO.- As fotos de Petra saen todas ben chulas, pero o mérito non é meu. Petra é outro miragre en pedra que por sorte lles tocou posuír aos xordanos. Costoume entender a disposición dos extensísimos restos. Pese á explicación da orixe do Siq coma un estreito corredor onde os ladróns saqueaban ás caravanas, non acabei de atoparlle todo o sentido ás construccións posteriores neste revirado enclave dos nabateos. O motivo de tanta falta de lucidez foi claro: esta visita resultou tan esforzada que tiven que aminorar a actividade mental a cambio de sobrevivir…
ONDE A CABRA FRACASA O GALEGO RESISTE.- O calor non era asfixiante, pero o sol taladraba toda materia viva neste lugar inmenso e eternamente exposto. Agora ben, unha cousa vos digo: cando as cabras escapaban do sol, cando os visitantes se acubillaban ata na sombra duha cagarruta de dromedario, cando ninguén tiña pelotas de quitar a cámara da funda, este menda e maila súa muller fixeron gala dun pudor viaxeiro sen precedentes e dunha curiosidade abertamente suicida, e non deixaron esquina sen desfrutar. O resultado: un moreno incandescente ata nos dedos dos pés pese á protección solar 50, e aos 3 litros de auga en 4 horas. Cada un, claro.
A COR DO PECADO .- Menos mal que de cando en vez puiden trincar unha Coca Cola, porque estes tipos, de alcol, nasti de plasti. Hai cervexa, pero case exclusivamente para os estranxeiros, non sempre dispoñible, bastante mala… e carísima. En suma: hai liberdade absoluta para pecar, sempre que teñas cartos para pagar a ofensa… Esaxero: eles non proban o alcol pero haino porque se vende aos endrojaditos coma nós.
CONFIRMADO: NO MAR MORTO FLOTA CALQUERA COUSA.- Os xordanos xa están a facer cálculos para matar o Mar Morto, valga a redundancia. Este peculiar accidente xeográfico a 400 metros baixo o nivel do mar estase a desecar rapidamente e durará uns poucos decenios, pero aínda así eles xa teñen previstos 15 hoteis, sen ter en conta que se trata do punto máis quente da terra e con escasa auga doce dispoñible. Sen embargo non resulta fácil facerlles reproches ao respecto: o 60% do seu territorio é puro deserto e non hai demasiados recursos. Fora diso, como podedes comprender, non me ía parar a pensar en tan peliagudo tema mentres as quentes e viscosas augas deste enorme charco me acariciaban prácidamente, facendo flotar todas as partes do meu cuerpo humano como se se tratase de pequeniñas boias independentes. Bueno, o de pequeniñas tampouco o vaiades entender en sentido estricto…
MONARQUÍA DE MERDA.- Este é o rei de Xordania, e como podedes aprezar é idiota. E para colmo herdou o seu trono dun asasino que se fartou de matar palestinos que loitaban pola súa terra, pero agora aparecen por todo o País millóns de fotos do fillo e do propio defunto colocadas nos edificios oficiais e ata nas panaderías. Quero dicir con isto que o sistema político do País segue sendo primitivo (un pouco máis ca o noso, pero non moito…), e baséase nun liderato estético, nunha cohesión social aínda árabe e nuna puxante revolución socioeconómica promovida por Occidente, que xa comprou hai tempo parte da alma xordana. Ninguén nega hoxe a vocación ultracapitalista deste “Reino Hashemita”.
SIRIA, A ALMA ÁRABE
Pero para coñecer de verdade aos árabes houbo que chegar a Siria. Siria non vive “de espaldas” a Occidente; simplemente vive a súa propia vida. Non entendo nada de xeopolítica, só explico o que vin. Vin xente orgullosa e amable; vin o único sitio que coñezo sen delincuencia; vin un País en estado de alerta bélica permanente a desenvolverse cunha sinxeleza e cunha harmonía social exemplar; vin moita xente nova e moitos avós ben coidados; vin humildade sen miseria e tamén autonomía ideolóxica e relixiosa. Claro que tamén vin mulleres vivindo tras a escuridade permanente dun velo nun mundo de actividade masculina, vin escaseza tecnolóxica, vin carreteras que darían para facer un parque temático de alto risco… Pero a visita resultoume moi agradable en todos os sentidos.
BONITOS DE CARALLO, PERO CÓMEOS TI… Vou poñer en primeiro lugar o único que non me gustou. Que non vos engane o refrescante aspecto destes entrantes e que non vos veñan co conto de que un se pode habituar aos pratos exóticos dentro da ampla e sanísima gama da cociña mediterránea. Mentira podre. Para un galego, esta mistura escasamente proteica, carente de graxa e que como todo mérito ofrece unha desconcertante mistura de sabores e unha antipática crueza vexetal, resulta inasumible. Menos mal que a carne era boa… Aínda así, se ides a aquelas terras acordaivos de incluír na equipaxe un tuperguare con chourizas e xamón. É un consello de amigo.
DAMASCO FUNCIONA.-Damasco, a capital, é tumultuosa, pero as mareas humanas discurren nela con sorprendente fluidez, eu diría que ata con delicadeza. Zocos con máis de 10 quilómetros de tendas e mezquitas a cada paso para poder atender as 5 chamadas diarias á oración. Lendas coránicas nas banderiñas, mulleres con pano ou sen el, nin un grito ou pelexa nas ruelas cubertas e un cheiro sorprendentemente agradable a especias a reinar en todo o ambiente.
O POUCO QUE É MOITO.- Algunhas das antigas escolas de teoloxía serven agora de mercados. Os obxectos que se venden son de escasa valía, pero se algo poden demostrar os sirios é que se pode vivir decentemente con moi pouca cousa.
OS ESAXERADOS E INOFENSIVOS CHIÍTAS.- Na foto podedes ver un orador chiíta cun grupo de seguidores. Dentro das máis de 70 correntes relixiosas islámicas esta é, segundo algunhas opinións –sobre todo a dos maioritarios sunitas-, a máis aparatosa e palurda. Pero ollo: neste inmenso templo estaban orando e falando xentes de todas as correntes que compartían sen orixinar o menor contratempo. O “radicalismo relixioso” de determinadas culturas está a ser interesadamente magnificado por Occidente, cuxos medios de comunicación xa confunden burda e malintencionadamente islamismo con terrorismo.
MUNDO_MAHOMA.- A calquera ateo lle costará entender como unha relixión pode a día de hoxe estar tan integrada, como pode gardar tanta coherencia colectiva e dar forma á sociedade dun xeito tan completo. Pero o resultado está aí. A harmonía social e espiritual baseada nas súas crenzas relixiosas é evidente, aínda que haxa aspectos que nos disgusten aos europeos. Teñen importantes problemas loxísticos, espéranlles importantes desafíos sociais, pero incorre en absurdo quen diga que a súa relixión lles orixina desordes. A plácida estampa de dúas meniñas e o familiar que as atende descansando prácidos nunha inmensa mezquita pode dar idea do que digo mellor cas miñas palabras.
TOLERANCIA .- Por se aínda non quedou claro, esta foto está feita no barrio cristián de Damasco. Hai outro barrio de xudeus e outros doutras etnias e relixións. Viven sen conflicto. Este horrible icono evidencia a liberdade total de crenzas e o respecto a todas as manifestacións relixiosas, por moi desafortunadas que resulten…
TEMPLOS VIVOS.- Os templos teñen unha compoñente socializadora importante. Este lugar dentro dunha mezquita chiíta está reservado ás mulleres (a foto non é miña). Os nenos berran e corren polas impolutas alfombras, as mulleres rezan, pero tamén rin e comentan. Nas outras dependencias, os fieis reflexionan, len pacíficamente ou pasean ao seu aire meditando sobre o máis aló. E agora que o penso, iso de meditar é algo que xa non se leva moito nos nosos vacíos templos católicos, infinitamente máis acartoados e severos…
PATRIOTISMO SOBRE RODAS.- Xa dixen que Siria é un país en permanente perigo de guerra, para a que sempre están dispostos os cidadáns. Os estratéxicos altos do Golán sirios -roubados por Israel- son territorio dorosamente ocupado. Miles de compatriotas sufren o secuestro na súa terra por parte dunha nación allea tras unha tensa paz obtida en virtude dun pacto precario e inxusto co enimigo. Por iso teñen demasiados gastos militares e un goberno unánime baixo a dirección do respectadísimo Presidente da República. O patriótico tuneado deste artefacto, con foto presidencial no carenado, non me deixa mentir.
O que o da moto seguramente ignora é que o pai deste presidente fixo gala dunha gran personalidade mentres ostentou o poder, pero tamén resultou ser un auténtico asasino cos seus súbidos cando fixo falta agarrar a poltrona…
MULLERES, O PECADO EMERXENTE.- Sería un manipulador se a miña absoluta simpatía por este País obviase a limitadísima situación da muller árabe, que acada en Siria a máis rigorosa expresión. A tradición dalles a elas unha importante posición na vida familiar, pero o poder é dos homes. As mulleres desempeñan en exclusiva as súas tarefas domésticas e de coidado familiar, pero iso xa comeza a resultar insostible perante a imparable forza intelectual e productiva das novas xeneracións. Pero, de momento, resulta moi chocante para un occidental ver mulleres tapadas que teñen que fuxir diante dun estraño e comprobar, sen embargo, como os afectos se exhiben con total naturalidade entre os demais: puiden ver parellas de militares ben machos pasear cariñosamente agarradiños da man, homes amigos bicarse ostentosamente, pais da familia camiñar lonxe da parenta pero tratando con moitísimo agarimo aos meniños e aos vellos…
Fixádevos como na mezquita a muller estranxeira ten que ir absolutamente cuberta cunha desagradable carapucha; o home, en cambio, pode ir lucindo unha estúpida camiseta ilustrada cun balón de rugby e unha lenda típical yankee. Aínda agora non entendo como non me partiron a os dentes…
O TRÁFICO COMO DEPORTE DE RISCO.- O tráfico é tema aparte. Pensábao poñer co asunto da comida, como aspecto negativo, pero agora véxoo dende outro punto de vista máis divertido. ¿Cómo describir o caos? Pois mirai a foto. Motoristas sen casco, furgallas en dirección contraria polo arcén e bocinas permanentes nas cidades. A miña muller e eu desenvolvemos un un recurso un tanto indigno para non morrer atropelados nas cidades: ao cruzar acoplarnos a un grupo de transeúntes nativos, preferentemente mulleres novas. No peor dos casos o golpe nos chegaría amortiguado…
ZENOBIA E O MIRAGRE DE PALMIRA.- Non sei que podo dicir dos restos arqueolóxicos de Siria. Os que saben aseguran que faría falta que cada sirio se fixese arqueólogo para poder estudar tanto que hai. Palmira, no medio do deserto, é inmensa, apabullante, luminosa… Os restos da riquísima cidade gobernada na época romana pola carismática reina Zenobia e o seu marido, son o resultado non só do deterioro do tempo, senón da deliberada destrucción dun xeneral romano fronte a un intento de independencia local. O vingativo poder de Roma non permitíu voar por libre a esta próspera cidade; mal sabían que a gloria do seu imperio ía perdurar en Palmira ata nós como un dos seus máis prestixiosos enclaves.
MÁIS QUE TURISMO.- As tumbas romanas son unha excelente mostra da prosperidade que debeu reinar naquel entorno. Pero desta parada lembro, (ademais deste dromedario da foto, de pel suavísima que obedecía coma un canciño) aos insistentes pero non descarados beduinos que ían perseguíndonos nas súas motos para vendernos catro bagatelas, e que nos agardaban resgardándose do sol para ofrecernos uns collares bastante estilosos a pesar do escaso prezo. Cos seus meniños ás costas viñan buscando facer algunha pequena venda, unha insignificante compensación a cambio de ofrecernos uns magníficos restos arqueolóxicos que lexitimamente lles pertencen. E aínda houbo algún imbécil que lles regateou o prezo…
HAI POUCO, PERO HAI PARA TODOS. Se vas a un baño a Siria leva moedas. Sempre. En lugares públicos ou dentro dun local privado haberá un, dous ou máis nenos ou adultos ofrecéndoche servilletas a cambio da vontade. Xa dixen que é un pobo humilde e unha simple lira suponlles moito. Dóeme dicir que o meniño que se abrasa ao sol na saída dun baño do recinto arqueolóxico de Palmira non recibiu nin unha puta moeda dos visitantes cataláns… En fin, prefiro calar porque aínda que era significativo o número deses nosos “compatriotas de arraigadas costumes no tocante ao aforro”, quizais non sexa xusto xeneralizar.
BEDUÍNOS QUE SABEN LATÍN.- Esta é unha casa colmea no deserto sirio. Os beduinos que nela viven deixábanse sacar fotos cuns turistas ávidos de pintoresquismo autóctono. A min interesoume máis o detalle de como o pai beduíno desfrutaba palpándolle as lorzas a unha estupenda europea que se empeñou en inmortalizarse nuna escea de interese antropolóxico-cultural con toda familia. O pai, que pode ser nómada pero non gilipollas, púxose cego sobando canto había debaixo do ceñido atuendo da rubia, mentres a súa parenta, cuberta de negro e entrada en quilos, lle botaba unha bronca de carallo. O guía traducíunos o reproche, e eu púxenme no lugar dun paisán que durme nunha alfombra no chan á beira das cabras e vive escapando do sol todo o puto ano, e pensei que non resulta de todo humano reprocharlle que caia en segundo que tentacións…
SUFRIMENTO DOS PAÍSES IRMÁNS.-Falando de deserto, neste punto precisamente, pinchou unha roda. Dende eiquí pódese coller para Iraq. Siria está proporcionando por esta carretera que se ve de fronte unha importantísima axuda humanitaria ao pobo irmán iraquí que foi invadido por os estadounidenses para roubarlle o petróleo. Dende hai decenios tamén se ven moralmente obrigados a acoller numerosísimos refuxiados palestinos pola invasión consentida internacionalmente deses histéricos e cobizosos mercenarios que se autodefinen como o estado de Israel. Quero dicir que cando se poñen críticos con occidente non lles faltan razóns.
BAGDAD CAFÉ.- Este é o Bagdad Café, un interesantísimo local no medio da nada onde se ofrecen riquísimas infusións, detalles pintorescos, libros de poemas… Os donos, nómadas do lugar, amosáronnos as tendas exteriores onde viven, coma beduinos que son, facendo gala dunha exquisita hospitalidade. Como anécdota, se ides a Siria debedes saber que os baños máis limpos do País son dous: os do distinguido hotel Sheraton, en Alepo, e os deste local. Dou fe de que é así. Se podedes non deixedes de parar neste reposado lugar para tomar un té marabilloso no medio dun deserto incriblemente vivo.
ALEPO TEN COUSAS QUE NON SE PODEN OCULTAR.- Nesa gran cidade hai un importante recinto arqueolóxico, a cidadela, onde se nos acoplou pola cara un grupo de mulleres e nenos. A verdade é que foron tan inoportunas como inocentes, pero tamén me deron unha ocasión para deixar constancia das esquivas mulleres árabes, cuia sensualidade asegúrovos que non sempre se pode ocultar cos panos… Para colmo, esta atractiva moza que viña entre o grupo de mulleres permitiuse connosco (cos homes, supoño) un desmalizado e insólito coqueteo, e a min ocorréuseme corresponderlle con esta atrevida foto. Din que unha muller xamais pode rexeitar unha homenaxe, e debe ser certo, pero conste que a miña, aínda que algo descarada, foi casta e dixital…
BOSRA, A TRISTE DESPEDIDA.- Xa case tocaba despedirse de Siria e ao escape visitamos Bosra. Alí se acha un fastuoso teatro romano, dos mellor conservados da antigüidade, pero o malo foi que neste punto a escasa sensibilidade dalgúns compatriotas de quen suscribe e a orgullosa e firme personalidade do noso espléndido guía sirio ocasionou un desagradable desencontro. A sintonía con el fora ata entón absoluta tendo en conta a coincidencia ideolóxica e a crecente sensibilización pola nosa parte coa delicada situación do seu país, que nos fora desgranando con gran acerto este home culto e honrado que ama profundamente a súa terra, pero un detalle absurdo enturbiou o punto final de tan interesante estancia.
O caso foi que quedei con gañas de dicirlle que desexo sinceiramente que o seu Deus, no que cren con profunda firmeza, lles dure tanto tempo como lles faga falta, e que, aínda que nós non cheguemos a entender de todo as súas reglas, teñen méritos de sobra para atopar o seu propio destino, o seu Paraíso ou como queira que este magnífico pobo lle apereza chamarlle á súa propia felicidade.